Vincent van Gogh

Xa desde moi novo tivo inclinación cara ao debuxo e o seu primeiro traballo foi nunha empresa de marchantes de arte, viaxando entre A Haia, Londres e París. Despois ensinou durante un tempo en Inglaterra, en Isleworth e Ramsgate. Máis tarde converteuse en pastor protestante e en 1879, á idade de 26 anos, marchou como misioneiro a unha rexión mineira de Bélxica, onde comezou a debuxar á xente da comunidade local. En 1885 pintou a súa primeira grande obra ''Os comedores de patacas''; nese momento a súa paleta compoñíase de tons sombríos de terra. A luz de cores vivas pola que é coñecido xurdiu en obras posteriores, cando se trasladou ao sur de Francia conseguindo a plenitude durante a súa estadía en Arles en 1888. Malia a calidade da súa obra, esta só foi recoñecida logo da súa morte e hoxe é considerado un dos grandes mestres da pintura. Tivo unha grande influencia na arte do século XX, especialmente entre os fauvistas e os expresionistas alemáns. A súa arte foi seguida por Derain, Vlaminck e Van Dongen.
Sufriu frecuentes gromos dunha enfermidade mental ao longo da súa vida, o que o levou a se producir unha ferida de bala que acabou coa súa vida á idade de 37 anos. Malia que existe unha tendencia xeral a especular que a enfermidade mental influíse na súa pintura, o crítico de arte Robert Hughes cre que as obras do artista están executadas cun completo control. Provided by Wikipedia
-
1
-
2